E aquí seguimos! Continuamos coas charlas divulgativas gratuitas tocoulle o turno a asesora de lactancia e crianza Merche Calo.
Maternar en tribo
Como a propia Merche nos contou, o nacemento da súa segunda filla marcou o inicio dun cambio profesional na súa vida. A lactancia materna, a crianza con apego e a educación consciente e respetuosa puxeron as novas bases nas que se enfocou nunha nova maneira de criar.
Esta marabilla de muller ofrece acompañamento a familias e sobre todo a mulleres e busca retomar a transmisión da crianza empoderada e natural que nunca se debeu perder.
“Claves para unha lactancia materna feliz” foi o título baixo o que se desenvolveu o coloquio ao que asistimos con ganas de aprender cousas novas, consolidar outras xa aprendidas, compartir dúbidas e medos e preguntar cuestións que nos deixasen maternar dunha forma máis tranquila.
Falamos do sono dos bebés, da lactancia materna, da decisión de usar chupete, de rutinas que favorecesen a calma do bebé, sobretodo a horas cercanas á noite etc. E todo isto, podendo comprobar de vez en cando como estaban de boas unhas pastas artesanas que trouxo a nosa querida Valeria!
Creouse un ambiente distendido, amable, de confianza e cero xuízos sexa cal sexa a forma de criar das familias que acudiron a este taller. Conversamos e intercambiamos opinións e o fermoso e máxico de todo isto é que o facemos dunha forma horizontal! Merche guía e aclara dúbidas pero a información de todos e cada un dos que estábamos alí servía para axudar e compartir experiencias cos demáis.
Grupo de Crecemento Maternal
Unha forma de seguir acompañando a familias no proceso de convertérense en pais é creando reunións quincenais para seguir fomentando a unión, o acompañamento e a resolución de problemáticas derivadas da maternidade e a paternidade. Este Grupo de Crecemento Maternal reunirase 2 veces ao mes, en reunións de 1,30h – 2h e abordaranse temas publicitados nun calendario mensual; estes temas poden ser propostos pola propia asesora mais tamén polas asistentes á tribo! Quen máis importantes que vós para que se solventen os temas principais para o benestar das vosas familias, e o voso propio.
Grazas Merche e grazas familias valentes por vir, abrir o voso corazón e compartir as vosas inquedanzas máis íntimas! Esperámosvos para abrazarvos forte de novo a vós, e aos vosos pequeniños.